luns, 5 de maio de 2014

Estimadas nais e pais:



Hai data para o próximo encontro.De novo insistimos na vosa participación. Sabemos das dificultades para poder buscar un oco nas vosas axendas, pero a experiencia ben o merece. e será positiva para todas e todos. A charla tera lugar:



Martes, 13 de maio de 2014

18:30

“Ao encontro da emoción. Educar con dúas orellas e un corazón”
IES DE BRIÓN



Por outra banda, seguimos coa organización do Banco de Libros. Iremos dando información sobre o tema en próximas datas.
Un saúdo

xoves, 1 de maio de 2014


Artigo novo en Federación de ANPAS 'Compostela' O proxecto experimental de Educación Dixital: un modelo de improvisación, un investimento en propaganda.

      O proxecto experimental de Educación Dixital: un modelo de improvisación, un investimento en propaganda.

1 Maio, 2014



ordenador

O día 30 de abril publicouse no DOGa RESOLUCIÓN do 22 de abril de 2014, da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, pola que se convoca a selección de centros para participar no proxecto experimental Educación Dixital durante o curso 2014/15.
Obviamente a publicación desta orde e a súa extra-publicitación nos medios busca o noso aplauso, o das Anpas, ante a aposta pola modernización das aulas dos centros públicos.
Lemos, pois, con interese a convocatoria e que atopamos?
             1. Improvisación.
 Non se pode cualificar doutra maneira un proxecto que se lanza con estas datas. Un mes, do 30 de abril ao 30 de maio para elaborar un proxecto docente de todo un curso que implique non só aos titores ou titoras do curso senón tamén ao profesorado especialista (Música e Inglés). Ademais para un curso, 5º de Primaria, do que a día de hoxe se descoñece o curriculum (o programa detallado das materias) porque é un dos que cambia coa implantación da LOMCE.
Finalmente a resolución definitiva producirase a principios de xullo. Por fortuna,a consellería amosa a súa magnanimidade e condescendencia e introduce a seguinte prerrogativa:
A selección do centro para participar no proxecto Educación Dixital pode dar lugar a cambio dos libros de texto segundo o punto 2 da Orde do 29 de maio de 2013 pola que se determina o período de vixencia dos libros de texto e demais materiais curriculares”
 Así pois é posible que ata o mes de xullo as familias non saiban se  o alumnado precisará libros de texto o próximo curso.
Non entra isto en contradición coas continuas afirmacións de apoio e impulso aos bancos de libros, que tanto parecen gustarlle á consellería como alternativa á máis lóxica, xusta e económica gratuidade a través do suprimido sistema de préstamo universal?

  1. Deixación de funcións.
 A maior deficiencia do programa Abalar foi que se pensou unicamente na dotación material dos centros mentres que a formación do profesorado se considerou algo secundario, cando en realidade era o elemento fundamental para garantir o éxito do programa.
Esa falta de formación tanto metodolóxica como tecnolóxica é patente en moitos centros “Abalar” onde o material informático está  a ser infrautilizado ou onde vemos atónitos como o grupo A sigue un método de ensino totalmente renovado mentres o grupo B desenvolve os seus días nunha aula do século pasado.
fenda
Hai nesta convocatoria algún plan elaborado para abordar a formación do profesorado?
Non imos dicir que non se mencione. Pero obviamente non hai un plan trazado para superar as eivas de formación tecnolóxica, senón que os únicos candidatos son persoas que xa teñen formación e experiencia.
Non sería mellor trazar un plan de formación a longo prazo que garantise que ao cabo dun tempo todo o profesorado tivese a capacidade para acceder á continua formación tecnolóxica que é imprescindible nestes tempos para evitar que vaian quedando cada vez máis atrás fronte a un alumnado que chega as aulas amplamente “dixitalizado”?

  1. Falta dunha planificación a medio-longo prazo.
 Este é o percorrido do proxecto tal e como se nos presenta:
 – Curso 2014/15: 5º de educación primaria.
– Curso 2015/16: 5º e 6º de educación primaria. Durante este curso o centro poderá solicitar a continuidade no programa.
– Curso 2016/17: 6º de educación primaria. Se o centro solicitou a continuidade e conta cun informe favorable darase continuidade aos grupos de 5º curso.
A evolución que prevé a convocatoria nin sequera contempla unha continuidade mínima, de maneira que é posible que no curso 2016-17,  5º xa non entre no proxecto. Tanto fogo de artificio, tantos cartos para algo que pode rematar aí. Dependerá o futuro,entón, de que esas persoas hiperformadas (os coordinadores do proxecto no centro), merlos brancos do sistema, decidan continuar a facerse cargo de proxecto?

                       4. Discriminación de centros e alumnado.
 Consideramos que é obriga da consellería garantir unha rede de centros públicos homoxénea en canto a dotación e calidade do ensino. Este plan, sen embargo, vén agrandar as diferenzas que xa existen. Por exemplo, un dos requisitos esixidos aos centros solicitantes é:
“O centro deberá contar cunha conexión de datos cunha velocidade nominal mínima de baixada de 2 Mbps
Obviamente isto supón beneficiar aos centros urbanos fronte aos centros rurais, que habitualmente sofren de problemas de acceso á rede.
Outro exemplo:
“O proxecto diríxese aos centros que están na Rede Abalar, centros cunha cultura dixital afianzada como parte do seu proxecto de centro”
 Seguimos a estabelecer diferenzas na mesma liña que apuntabamos no apartado anterior.Quen xa ten unha cultura dixital afianzada, recibe apoio para afianzala máis. Quen non a tén segue sen desenvolvela.
blog69img02

Outro punto que esperta a nosa preocupación é o das tarefas escolares para casa. Este é un problema que quedaba sen resolver no proxecto Abalar. Que ocorre co alumnado que non dispón de conexión a internet na casa? Que pasará coas súas tarefas escolares?
É este un tema que leva anos a levantar polémicas e controversias periódicas que só se agravará aínda máis no momento en que o material en papel desapareza por completo. Hai algo previsto neste senso?
E que ocorre coa atención ás necesidades educativas especiais: están previstos mecanismos de accesibilidade para persoas con diversidade funcional sensorial, motora ou intelectual?

  1. Malgasto irresponsable de fondos públicos
 Neste apartado falaremos só de cifras, que son abondo elocuentes:
  •  Investimento: 5.896.859,50 € sen IVE.
  • Alumnado beneficiado este próximo curso: 2500 alumnos /as.
Esixímoslle á administración que o uso dos fondos dispoñibles se faga co máximo rigor, visión de futuro e planificación seria.
Os cartos que veñen de Europa para mellorar a educación deben usarse para beneficiar ao maior número de alumnos /as posible e para iniciar proxectos que perduren no tempo e non para financiar tracas de festa coas que deslumbrar á opinión pública.

  1. Distorsión da realidade.
 É o que atopamos nesta afirmación, unha das que encabeza a convocatoria:
“A incorporación das TIC á educación, en xeral, e aos procesos ensino-aprendizaxe, en particular, é xa unha realidade en Galicia e móstrase como unha peza fundamental para producir o cambio metodolóxico que leve a conseguir o obxectivo dunha mellor calidade educativa”.
A Consellería pode dicir, se quere que “a incorporación das TIC a educación é unha realidade” e as familias podemos dicir que É FALSO, a non ser que por “realidade educativa” se entenda a esa minoría de profesorado que co seu voluntarismo e esforzo conseguiu constituír unha comunidade virtual para compartir coñecementos e materiais e loita para superar as carencias materiais e de mantemento dos centros para facer das TIC unha ferramenta cotiá no seu traballo de aula.
Por outra parte, e por moito que a consellería intente convencernos do contrario, o uso das TIC e o cambio metodolóxico non son e mesmo. É certo que moitas veces van da man e son complementarios. Pero, como sabe calquera persoa con formación en tecnoloxías e en didáctica, o desembolso en ordenadores, libros electrónicos e plataformas dixitais non garante o cambio de metodoloxía; da mesma maneira que a falta de orzamentos para a dotación tecnolóxica non pode servir de escusa para non acometer o cambio metodolóxico a través dunha sólida e planificada formación didáctica do profesorado.
metodoloxía
Tecnoloxía e metodoloxía son dous elementos diferentes que deben ser abordados separadamente.

  1. Propaganda e cantos de serea.
 En definitiva: non podemos ocultar a enorme decepción que supón ler polo miúdo esta convocatoria.
Nin sequera nun momento tan duro economicamente como este, a actual consellería de Educación é quen de amosar a cordura de aproveitar uns fondos do plan Feder para iniciar un proxecto serio, ben planificado, cuns prazos realistas e que abranga os aspectos que máis deberían preocupar á administración educativa:
  • Consolidar a formación didáctica e tecnolóxica de todo o profesorado
  • Dotar tecnoloxicamente  todos os centros
  • Manter unha plataforma para que o profesorado cree e comparta material
  • Garantir o acceso do alumnado á rede fora de horario lectivo
  • E a través destas accións: camiñar cara a eliminación definitiva dos libros de texto.
Para conseguilo necesitamos unha planificación a curto, medio e longo prazo e non fogos de artificio e paus de cego que só nos deixan un irresponsable malgasto de fondos públicos.