martes, 14 de outubro de 2014

Critican o oscurantismo sobre a nena que morreu ao tocar unha farola en Santiago


A Asociación de Nais e Pais de alumnas e alumnos do IES de Brión, ANPA PEDRA VIADA, e a Federación de ANPAS de Compostela convocan unha concentración en Compostela este martes para presionar ás administracións no esclarecemento do caso. Pensan que houbo oscurantismo e falta de información.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 14/10/2014
  •  
  •  
  • menéame 
  • Chuzar 
  • Do Melhor 
  • Cabozo 
  • del.icio.us
Hai un mes morría Anna Nieto Lago, alumna do IES Brión, nun parque publico da cidade de Santiago ao agarrarse a unha farola pública durante as festas de Vite. Uns feitos polos que a Asociación de Nais e Pais de alumnas e alumnos do IES de Brión,  ANPA PEDRA VIADA, e a Federación de ANPAS de Compostela  denuncian a falta de información sobre este caso e amosan publicamente o seu apoio e solidariedade coa familia da moza falecida.
 
Por iso, e para esclarecer o acontecido, piden un informe detallado dos feitos que ocasionaron a morte da cativa. “Requírese  unha  explicación técnica detallada referida ás causas reais que provocaron a traxedia, na que se detalle tamén o dispositivo de seguridade asignado para a festa, así como a achega dos permisos necesarios para a celebración do evento e información  dos servizos médicos que se desprazaron ao lugar, detallando unidades, persoal cualificado, horarios ou dificultades coas que se encontraron para acceder ao lugar da traxedia”, apuntan  nun comunicado.
 
Tamén piden que se informen a cidadanía sobre o estado actual da iluminación das rúas e demais espazos públicos da cidade e  garantan o dereito a circular por eles sen medo a sufrir un accidente como o que lle custou a vida a Anna Nieto.
 
Ademais, reclaman “que velen polo cumprimento estrito da lei en materia de seguridade nos eventos que se organicen na cidade, así como a súa modificación se, coa investigación posta en marcha, se comprobase que é insuficiente”. Finalmente, reclaman que a familia e os seus representantes legais sexan informados puntualmente de todos os avances que se produzan na investigación.
 
Estes colectivos tamén esixen a “depuración de responsabilidades” de non aclararse estas peticións ou de demostrarse deficiencias no mantemento da iluminación ou falta de previsión nas normas de seguridade do evento.
 
Por iso, convocan á comunidade educativa da comarca de Compostela e a cidadanía en xeral a un acto público este martes ás 19 horas no parque Pablo Iglesias no barrio de Guadalupe en Santiago de Compostela para insistir nestas demandas.

Ningún comentario:

Publicar un comentario