domingo, 5 de outubro de 2014

Onde está o Goberno Galego cando se decide sobre educación ?

 (Federación de ANPAS 'Compostela')


Anda estes días a saír na prensa unha noticia desacougante: a publicación dun acordo bilateral entre o Goberno español e o Goberno vasco (http://www.lehendakaritza.ejgv.euskadi.net/r48-bopv2/es/bopv2/datos/2014/09/1404004a.shtml ) polo que se “pacta” a interpretación de varios preceptos da LOMCE, esa lei que ten a dubidosa honra de ser a lei educativa máis contestada da democracia.
O acordo acadado atinxe a diferentes aspectos da nova lei, pero fundamentalmente estamos a falar do dereito a regular integramente o ensino da propia lingua, sen que o Estado teña dereito a interferir nesa regulación toda vez que recoñece explicitamente que é competencia da administración educativa vasca; e tamén falamos do recoñecemento por parte do Goberno español do dereito que ten cada administración educativa a regular como se xestionan os Consellos Escolares, que xa non teñen porque ser consultivos segundo semellaba dispor a LOMCE, senón que terán a capacidade decisoria que lles outorgue cada unha das administracións titulares das competencias en educación.
E o desacougante desta noticia é a pregunta que nos facemos os galegos: E logo nós ?
Pois nós, coma case sempre, mirando cara a outro lado; deixando esvaerse entre os dedos toda a nosa capacidade legal, cun goberno que segue a non crer nun ensino galego e para os galegos, cuns dirixentes que fan seguidismo absoluto do que se fala na Administración Xeral do Estado; cunha normativa que quere ter como mérito o de ser idéntica á que se poida elaborar no outro extremo da península, e coa consolidación dun ataque á nosa lingua que ven dende o mesmo momento no que o actual goberno galego gañou as eleccións e pretendeu implantar aquel modelo “plurilingüista” que logo deitaron sentenzas e costumes.
Así, os nosos fillos e fillas, que poderían ter un ensino onde aprender a se compracer do propio para entendérense, que poderían gozar do privilexio de seren instruídos na propia lingua para que soubesen chamarlle polo seu nome ás súas realidades -que é o xeito de podermos logo comprender e compartir as realidades alleas-, terán novamente que estudar de acordo cunha lei que está edificada sobre outras culturas, outras realidades e outros xeitos de ver e de convivir. E iso tamén provoca parte dese fracaso escolar que a LOMCE di que ven a eliminar.
Pero é que ademais, este “Acordo” tamén recoñece que o País Vasco – e Galiza non ? – poderá ter Consellos Escolares democráticos porque van ser eles quen decidan cómo queren que sexan, como van organizar a presenza das familias na toma de decisións no ensino; mentres que nósnon temos ningunha noticia de que o noso goberno galego teña a intención de recoñecer, e lexislar en consecuencia, que as familias somos parte intocable da realidade educativa, e que a nosa presenza é tan necesaria e tan imprescindible como a da administración, o profesorado ou o alumnado.
Nós, as familias, sabemos que temos que ter voz na educación dos nosos fillos e fillas, somos a sociedade que defende xa non o dereito senón a obriga de estar presentes na construción do mundo no que van vivir os nosos descendentes, os que veñen detrás de nós; e elaborar ese mundo inclúe deseñar e definir, coas nosas opinións e cos nosos votos , cada un dos pasos dos que se compón a realidade educativa.
A Confederación ANPAS Galegas sempre rexeitou e rexeitamos a LOMCE, e sempre solicitamos  que a Xunta de Galicia debería interpor recurso diante do Tribunal Constitucional porque esta Lei está a invadir competencias que son da nosa Comunidade Autónoma; pero agora mesmo, dun xeito especial logo do coñecemento desta noticia, tamén reclamamos que o Noso goberno, o Galego, asegure xa un acordo como o que neste momento teñen no País Vasco, e que sexa dende aquí dende onde se lexisle o desenvolvemento dunha norma axeitada á nosa realidade, respectuosa e potenciadora da  nosa lingua e da nosa cultura, e que recupere valores democráticos no funcionamento dos centros escolares permanecéndonos ás  familias na presenza que ata o de agora tiñamos.

Ningún comentario:

Publicar un comentario